Mosteiro de San Xoán da Cova: a muller de pedra a carón do río

Vista exterior

Vista exterior

Nun deses lugares afastados do ruído e o balbordo das cidades, semella que o tempo non existe. Agroman pequenos pobos entre as ladeiras da montaña, onde o único xeito de comprobar se aínda vive xente é a presenza de coches á beira das casas. Sen eles, só queda o silencio dos bosques e poderías atoparte en calquera momento e lugar menos no século XXI.

Pero de súpeto acéndese unha radio e resoa en todo o val unha vella cinta de cancións tradicionais galegas mesturadas cun estilo sesenteiro. A carón do mosteiro de San Xoán da Cova a música soa aínda máis forte e segue sen verse unha ánima. O lugar está deserto pero non o está: ás veces os pobos galegos parecen poltergeist loitando contra o esquecemento.

Atopar o emprazamento desta igrexa non ofrece as complicacións doutras ocasións, seguindo a estrada LU-P-1801 ata a aldea de Piñarrostro (por unha vez as indicacións vense ben e non son confusas). O lugar posúe esa atmosfera de fronteira entre a vida tranquila e o abandono, fermoso e desacougante a un tempo.

FUXINDO DAS AUGAS

Foi o primeiro caso galego que sufriu o traslado dunha igrexa por mor dun encoro, no ano 1952 e o traslado estivo en mans dos arquitectos Luis Menéndez Pidal e Francisco Pons-Sorolla, do que xa falamos na entrada sobre San Estevo de Chouzán. Aínda que San Xoán da Cova tivo un traslado e unha restauración con menos transformacións que a anterior, non deixa de resultar chocante que se suprimisen elementos coma o retablo existente, para incidir no “espírito románico” da construción.

Na súa situación orixinal, contaba con dúas igrexas de diferente trazado, unidas por un muro en común. Trasladáronse a cabeceira e as portas Oeste e Norte, así como dous arcosolios sepulcrais, xa que o resto do edificio estaba en mal estado de conservación.

O arquitecto Sorolla durante unha visita a Galicia nos 50

O arquitecto Sorolla co Mosteiro ó fondo, antes do seu traslado

UN RETRATO EN PEDRA

Tampouco nesta ocasión puidemos ver o interior pero o que se pode observar dende fóra ten certos detalles a destacar:

  • FACHADA PRINCIPAL: Posúe unha triple arquivolta apoiada en tres columnas por cada lado. A exterior ten un festón decorado con arquiños de medio punto e todo se enmarca nunha moldura con decoración a base de flores pechadas en círculos. As mochetas tamén son sinxelas: a esquerda está decorada cun cilindro e a dereita por unha folla que se envolve en espiral na parte superior (sobre a que se pode observar unha marca de canteiro).
  • O TÍMPANO: posúe unha longa inscrición que, segundo Vázquez Saco, di o seguinte: IN HONORE D(OMI)NI / N(OST)RI IH(ES)U ET B(EA)T(A)E SE(M)P(ER) / VI(R)GINIS MARI(A)E ET OM(N)IU(M) S(AN)C(T)O(RUM) / PETRVS GARS(A)E MILEX EC(C)L(ES)IAM /ISTAM SUI(S) SU(M)PTIBUS E(F)I(C)ERE (CURAVIT) D(E) / RA(DI)CIBU(S). Queda así constancia de que Pedro García mandou reedificar a igrexa dende as súas raizames.
  • OS CAPITEIS: Teñen todos decoración vexetal, follas rematadas en bolas ou follas rizadas.
  • CANZORROS: Organízanse tamén con motivos xeométricos ou formas vexetais.
  • SEPULCRO: A figura xacente representa a unha muller que suxeita un libro sobre o seu peito (os expertos consideran que pode ser unha das abadesas do mosteiro). A beleza da escultura reside non só na boa factura técnica senón na presenza dese libro que sostén con agarimo. Na escultura en pedra de época medieval xógase co simbolismo e como sinalaba Duby, o carácter específico da personaxe expresábase non tanto pola súa fisonomía, senón por emblemas simbólicos e actitudes que amosaban principalmente as súas accións.* Podemos así especular con varias opcións: se o seu contido era de carácter relixioso ou laico, a tipoloxía de encadernación, a educación que posuía esa muller, etc.

O que si sabemos é que San Xoán da Cova foi un dos conventos que ofreceu maior resistencia á reforma imposta polos Reis Católicos no monacato feminino. O prior de Valladolid (e Reformador Xeral), Frei Rodrigo de Valencia, “tivo noticia en Ourense, en maio de 1499, de que a Cova era un dos cenobios que ‘estavan con mucha gente encastillados’ para evitar a súa visita”**

Máis adiante o libro volve citar o temor das autoridades á nai da abadesa do mosteiro, irmá do conde de Monterrey, o que nos deixa ver a firmeza dos lazos familiares e os conflitos entre condes, fidalgos e reformadores na loita polo poder.

A decoración conservada é sinxela mais San Xoán da Cova é unha testemuña moi interesante do papel da muller no ámbito monacal e o proceso de enclaustramento ó que se viron sometidas, polo que perderon boa parte das súas liberdades. A citada abadesa, Xoana de Lemos, conseguiu fuxir do seu destino en San Paio de Antealtares (Frei Rodrigo tivo como mandado dos Reis unir a tódalas bieitas galegas nese lugar, condenándoas á clausura), litigando ate 1515 para conseguir unha renda vitalicia.

* Duby, Georges: Guillermo el Mariscal. Madrid, Alianza Editorial, 1988. Páxina 35.

**Pérez Rodríguez, Francisco Javier: Mosteiros de Galicia na Idade Media. Ourense, Deputación Provincial, 2008. Páxina 143.

(As imaxes de Sorolla están tomadas da tese doutoral: Francisco Pons-Sorolla y Arnau, arquitecto y restaurador: sus intervenciones en Galicia (1945-1985)

Advertisements