Santo Estevo de Chouzán, sobrevivindo ó século XX

Parte frontal da Igrexa

Parte frontal da Igrexa

Entre os anos 50 e 60, Galicia sufriu a “febre dos encoros”, pola que numerosos pobos e igrexas quedaron asolagados ou foron trasladados para poder sobrevivir ó afán da ditadura franquista de reconstruír o país a través de grandes obras de enxeñaría. O mosteiro de Santo Estevo de Chouzán pertence a esta segunda tipoloxía, sufrindo no proceso unha grave alteración na súa estrutura primitiva.


Para non variar, as indicacións para chegar ó lugar son un pouco confusas, ata que nun dos últimos cruces os carteis sinalan que se pode ir tanto pola dereita como pola esquerda: tódolos camiños van a Roma… Ó final decidimos dividirnos: un colleu a vía da dereita, pola que hai que seguir a estrada e atravesar o pobo de Pacios. Eu optei pola opción da esquerda, que remata nun pequeno cemiterio.

Dende aló non semellaba haber camiño ningún, ata que observamos que baixo varios piñeiros cortados se atopaba en realidade unha corredoira que non chegaran a limpar de todo. Hai que ter coidado para non esvarar coas follas e as raizames pero compensa polas marabillosas vistas do embalse dos Peares e do bosque que o arrodea.

O mosteiro agroma medio agochado na ladeira da montaña e fronte a el pódese ver como avanza silandeira a invasión das acacias, amarelando o monte autóctono.

A POLÉMICA RECONSTRUCIÓN DE SOROLLA

O observador acostumado ás construcións medievais, recoñecerá enseguida que a forma actual de Santo Estevo non é a que debería. Por mor do traslado do que falabamos ó comezo, xa non conserva o trazado orixinal (de cruz latina), senón unha cuadrangular, con multitude de engadidos e alteracións. As pinturas murais do XVI foron un dos elementos máis afectados e aínda que foron restauradas recentemente non puidemos acceder ó interior da igrexa para comprobalo. ¡Que difícil é ter interese no patrimonio neste país!.

O propio proceso de traslado daría para un artigo en si mesmo, coa intervención do arquitecto Pons-Sorolla loitando contra o propio edificio para construír a súa idea de Igrexa Medieval. Se queredes saber máis, só tedes que acudir á tese de doutoramento de Belén Mª Castro, Francisco Pons-Sorolla y Arnau, arquitecto-restaurador: sus intervenciones en Galicia (1945-1985).

As súas palabras durante o proceso de traslado son un exemplo claro do que era a situación do patrimonio cultural naqueles anos. Sorolla proxectou as súas propias concepcións sobre elementos arquitectónicos do pasado, optando pola estética no canto do rigor histórico.

A BELEZA DOS SUPERVIVENTES

Por iso resulta aínda máis admirable a beleza dos restos románicos que chegaron ata nós, auténticos superviventes na súa loita contra o progreso. Os canzorros que se observan na ábsida están moi ben conservados:

  • Atopamos figuras de diversos animais (algunhas delas mutiladas, seguramente porque ensinaban o seu sexo). Destaca como case sempre en Galicia a presenza da vaca, como animal totémico.
  • Rostros humanos: Están moi conseguidas as súas expresións de felicidade pero tamén expresións de misteriosa tranquilidade.
  • Instrumentos musicais: Outro dos motivos máis empregados no románico, Chouzán posúe un bo exemplo de tambor.
  • Decoración floral / vexetal

Destaca tamén a inscrición na antiga porta norte, na que se pode ler o seguinte: ERA MCCCLII / ANOS IN DIE KALENDAS ABRIAS / HEC ECCLESIA FUNDATA / FUET ABADISA TERA / SIA ARIE DE PARAMO, a cal nos fala da reforma da antiga igrexa do mosteiro no ano 1314, acompañado do nome da abadesa Tareixa Arias de Páramo.

A pesares da deficiente reconstrución de Santo Estevo de Chouzán, non se pode negar a beleza do seu emprazamento, que si recolle o antigo espírito de afastamento do “mundanal ruido”. Abrolla con calma case o pé do embalse, dicíndonos que pode sobrevivirse ata á mellor das intencións humanas. Se podedes, visitádea nun bo día de verán cando caia o sol e a luz vos regale fermosas sombras nas paredes alteradas. ¡Ah! E aproveitade tamén para ver a Fervenza do Fondós, que corre baixo o impresionante Penedo do Castelo, moi preto de alí.

Advertisements