Poder e decadencia en cinco habitacións

copia10

Internet é unha fonte de coñecemento moi perigosa, pero o é aínda máis en mans de certos colectivos, como @s amantes da Historia e do Patrimonio con afán por perderse pola complicada xeografía do país. Pensando nalgún sitio que visitar, rematei atopando unha Tese Doutoral sobre a pintura mural galega e portuguesa, escollendo unha igrexa das que se destacaban como obxectivo do día. Pero as estradas galegas son inescrutables e tras varias voltas acabamos no Pazo de Tor, unha desas pequenas xoias da Rede Museística de Lugo á que lle tiña ganas dende había tempo.

O plan alternativo viuse favorecido por chegar xusto a tempo para a segunda visita da tarde (hai ás 16:30 e 18:00) e que a excursión prevista (de 28 persoas!) non apareceu. Así o Pazo estivo á nosa disposición (a carón dun matrimonio que levaba días visitando a Ribeira Sacra e que, cansos de igrexas, decidiran ver algo diferente). A visita completouse grazas á guía que sabía do que falaba, apaixonándose (e apaixonando) sobre o que estaba a explicar. O Pazo ten centos de recunchos e detalles nos que pararse, pero deixareivos cinco lugares que resumen a vida deste edificio e a familia que o habitou…

1.-O Salón Recibidor

Comezamos subindo unha impresionante escaleira de pedra, para entrar nun salón que funcionaba como un recibidor para acoller ás visitas. Só nese lugar xa se pode observar a evolución dende a Idade Media (a través das armaduras) ata a actualidade. O que máis destaca é a litera de transporte, de estilo barroco que agarda tras unha mesa, moi ben conservada. Dende o salón ábrense portas cara diversas habitacións e unha delas foi a que ocupou o poeta Uxío Novoneyra cando visitaba á familia. Aínda que o ambiente do Pazo de Tor era marcadamente conservador (colgan noutro salón os retratos de antepasados carlistas), seica a última dona, Mª Paz, gustaba das tertulias con xente de outras ideas, introducindo os aires do século XX na gran casa.

2.-A habitación de matrimonio

Se pensamos en series ou películas de época sempre temos como referencia Inglaterra e a súa mestría á hora de trasladar á pantalla tempos pasados. Pensando en “Downton Abbey”, o último deses exemplos, cando paseo polos corredores do Pazo convénzome aínda máis das infinitas posibilidades que o patrimonio galego podería ofrecer nun proxecto deste tipo. A habitación de matrimonio sería a envexa de calquera produción estranxeira: ese arco triple renacentista! Os ingleses morrerían de envexa con algo así… pero estamos no noso contexto, onde o marabilloso sempre pasa silandeiro até que alguén o redescubre e, logo, volve a desaparecer. Ah, e para os que gusten da conexión coa Illa, a carón da cama hai un retrete de inequívoca orixe anglosaxona.

3.-O Salón dos Fumadores

Este é un espazo de transición, sendo de novo unha ponte cara outros espazos máis interesantes. Aínda así ten algo especial que é preciso destacar: a luz. Se ides algunha vez, propóñovos que matinedes non só nos obxectos que podedes ver senón tamén do efecto que a presenza (ou non) da luz podía ter antes da chegada da electricidade. Hai candelabros e velas, a escuridade e as tebras serían algo habitual nunha Galicia onde o inverno dura case 10 meses. E como cambia iso coa nova tecnoloxía? Mirade as lámpadas de cada habitación, diferentes todas elas, co seu propio estilo, que imprime unha personalidade propia a cada recuncho (como a que ten debuxada unha anduriña). É na sala dos Fumadores ou do billar onde se produce o efecto máis singular, pois a luz reflíctese nas paredes como un mar con pequenas ondas que arrodean a mobles e habitantes. Unha leve aparición da Galicia costeira no corazón da Galicia rural.

4.-A Biblioteca

Os libros, nada máis. Pura maxia temporal. A simple vista teñen exposta unha edición das Décadas de Tito Livio do século XIX pero ó fondo hai libros do XVI, dos que nos separaba a omnipresente (e odiada) cinta de veludo vermello. Noutro lugar non debedes deixar pasar a oportunidade de comprobar as capacidades de reciclaxe doutras xeracións, con parte dun pergameo dun libro de coro convertido na tea dunha lámpada (algo por outra parte moi habitual na Península).

5.-Salón con Mesa Posta

A riqueza desta casa non se amosaba só nos mobles, as armas, a roupa, os cadros, as medallas ou os libros. Un elemento fundamental eran as comidas, polo peso que tiñan na relación social con outros membros desa caste decadente e orgullosa. A vaixela de Sargadelos agarda nunha mesa pero…como era a comida de entón? Nas paredes adivíñanse pezas da Cartuja de Sevilla e outras tipoloxías de cerámica andaluza dende o século XVI ata o XX.

+1 >> A capela

Neste espazo é onde mellor queda reflectida a separación entre os donos da casa e o resto dos habitantes do Pazo: mentres estes últimos entraban por unha porta inferior, a familia ía a un espazo elevado, dende o cal podía fuxir das miradas do vulgo. Detrás do retablo que preside o altar, pódense albiscar os trampantojos que semellan teas reais aínda que están pintadas na parede do fondo.

 E logo quedan os pequenos detalles que van completando o crebacabezas que compón o pasado do Pazo de Tor: fotografías e medallas da Guerra Civil, abanicos de marfil de orixe oriental, a pel centenaria dun leopardo coa que xogan os neniños que agora visitan o lugar, alfombras da Real Fábrica de Tapices, bolsos art nouveau da década dos 20, o claviórgano do que só quedan un par de exemplares no mundo e do que non se sabe cómo chegou ata aló… Peza a peza, as habitacións están posuídas por 500 anos de gloria e progresivo emorecemento dun xeito de vivir que morreu de éxito: mantiveron o patrimonio pero non a capacidade dos devanceiros para adaptarse ás esixencias dos novos tempos.

+2 >> Os exteriores

A última parte da visita céntrase nos espazos exteriores, onde atopamos o motivo polo que quería facer a visita a Tor: o famoso labirinto inacabado. Grazas á ausencia dos arbustos que deberían completalo, amosa as lousas de pedra núas que o marcan como un exemplo único e orixinal. Logo están as carruaxes, os obxectos de labranza, os animais… Tantos e tantos niveis para analizar!.

E a visita remata coa caída do sol, lembrando que ó principio pensabamos que unha hora e media era moito tempo para unha visita guiada, para decatarnos entón de que precisaríamos tres máis para aprecialo todo na súa xusta medida.

-Pues no entiendo cómo la señora de esta casa pudo dejar todo esto para uso público, sin más– repetía o home do matrimonio que nos acompañou na visita, fascinado pola xenerosidade de Dona Mª Paz. Unha afirmación que non deixaba de ser un reflexo do carácter actual da nosa sociedade: a incredulidade ante este tipo de doazóns, que por seren tan escasas, son tan admiradas no mundo que nos toca vivir.

P.D.- Finalmente atopamos a igrexa que motivou a saída, pero iso da para outro post! ;)

Advertisements