Castro de Saceda: os petroglifos do maxín

Camiñamos pola Raia, onde comezan a confundirse os acentos cos veciños do sur e agroman as historias do estraperlo na memoria vívida dos máis vellos das aldeas. O obxectivo do día é unha Casa da Neve e un peto de ánimas pero o Castro de Saceda téntanos con forza: os longos días de verán rematan e a noite ábrese camiño cada vez máis cedo. “Se aínda non marchou o sol á volta, vamos”.


Ás sete da tarde, a luz esmorece pero o lugar está tan preto que é imposible non desviarse da estrada. Situado a 800 metros de altitude, goberna sen dificultade unha grande chaira que cingue a Portugal e Ourense. Foi excavado nos anos 80 pero hai moi pouca información publicada sobre el, e dende aquela década non se volveu actuar no xacemento. Deste xeito, a maleza, que inza en Galicia como na selva, está a reconquista-lo que era seu antes da chegada dos arqueólogos.
Conta con dous niveis claves de habitación, un que data do século VIII-V a.C. e outro do 300 a.C. (período do que serían a maioría das casas conservadas), épocas separadas por un grande incendio. O lugar caracterizase pola existencia de aterrazamentos que, para autores como González Ruibal, permitirían delimita-los conxuntos familiares de xeito semellante ás casas-patio da zona occidental (da que o mellor exemplo serían San Cibrán de Lás).
O outro elemento destacable a primeira vista son as súas murallas ciclópeas, que neste caso non son concéntricas: o lado sur, rochoso, só precisa unha liña de protección namentres que o norte, cunha caída máis lene cara o val, posúe tres. Estes muros aproveitan con sabedoría as grandes rochas que xorden no terreo para incorporalas no seu percorrido.


Observando con calma as pedras, o visitante pode ler e xogar a especular co pasado. Algunhas sinais son claras (moitas amosan marcas que revelan a presenza de portas de madeira) pero outras admiten máis imaxinación: dende a zona máis exterior ata a croa atopamos buracos con forma rectangular que poderían ter sido pías (que neste contexto, adoitaban ter un carácter sagrado. Como exemplo máis claro, a que se sitúa a carón da Capela de San Miguel en Celanova, aínda que se poden atopar por toda Galicia).
Mais co elemento co que prefiro deixarme levar polo maxín é cun petroglifo que aparece na croa: circular e cun buraco no medio, os relevos que se aprecian no seu interior deixan intuír unha espiral típica destes contextos histórico-culturais. Situado no chan e de pequenas dimensións, é case imperceptible. A partir del comeza a zona máis abrupta da cima, chea de rochas con decenas de ocos… e ó final, nunha pedra que se alza sobre o val, o petroglifo repítese…


Considerando que esa zona dos castros estaba reservada para as maiores autoridades ou para un lugar sagrado, ¿non é posible que ese debuxo marcase un principio e un fin dese lugar, como unha especie de advertencia?
A piques de que rematase o día, a 800 metros sobre o resto do mundo, o vento zoaba con tanta forza que se non ías con tento, podías esvarar e levar un bo susto. Lembrei a primeira visita á croa do castro de Baroña, que tamén aproveita as rochas naturais do lugar para protexerse e como, a carón doutra pía, o vento zoaba con furia.
Vento, pedra, carraxe, misterio e maxín. O resumo perfecto da Historia que esquecimos.

This slideshow requires JavaScript.

Advertisements