Ancares III: Navia de Suarna, o Castelo dos Mil Anos

Deixando atrás Piornedo, as montañas dos Ancares amosan a súa cara máis espectacular, mostrándonos o camiño cara a derradeira etapa do camiño: Navia de Suarna. As cores verdes escintilan baixo o duro sol de agosto e nos lugares máis inaccesibles xorde un lameiro ou unha finca recén labrada, desafiando á lei da gravidade e á lóxica.  O ser humano loitou por arrincar beneficios a esta terra dende tempos inmemoriais: contra o entorno, tan duro e salvaxe, para poder sobrevivir.


A vila xorde ó fondo do val, despois de descender continuamente polas curvas da estrada e o pasado señorial agroma ós poucos polas rúas da zona vella. Un pasado que debeu ser en certo modo glorioso: as casas que están a piques de derrubarse polo abandono agardan a sorte dunha restauración que lles permita volver a aqueles tempos, como aconteceu coas que están máis preto do castelo. As rúas estreitas, de configuración medieval, levan a unha pequena praza onde se alza un curioso edificio de comezos do século XX. Non ten máis que uns poucos metros cadrados e nunha das súas paredes atópase un vello anuncio dunha xastrería, con tipografía dos anos 30-40.


As calellas condúcente de xeito inevitable cara o castelo, envolto hoxe (e coma case tódolos monumentos de interese en Galicia) por un tendido de enerxía eléctrica. O edificio é un híbrido que afunde a súa raizame na rocha de lousa natural que se alza no medio da poboación.  Mesturándose con ela xorden os muros de lousa cortada, dun castelo do que xa se teñen novas arredor do ano 1037. Foi neste ano cando Rodrigo Gutiérrez entregouno como dote á súa dona, Senior, doncela de Suarna.
Pola súa historia bulen os Osorio e os Altamira, a Revolta Irmandiña (as súas torres tiveron que ser levantadas de novo despois de 1466-67), os Andrade e finalmente o cura de Navia, Manuel López Armesto quen entrou en propiedade da fortaleza converténdoa na insólita residencia urbana que é na actualidade. Aínda se ven, dende a parte máis alta da Ponte Vella, a roupa secando na parte alta do castelo. As barbaridades do feísmo arquitectónico que campa con liberdade no país reflíctense no edificio: engadidos con materiais baratos e tubos de plástico polos recantos máis insólitos. Pero a través dunha das fiestras vense os chanzos da escaleira que sube cara a cima e que segue a manter a beleza da loita ganada ós séculos (e ós homes).


Xusto ó seu carón nace a Ponte Vella, construción medieval que cruza o río elevándose 16 metros sobre el, cun só arco apuntado. Ó outro lado repousa un piorno que asenta as súas patas robustas no chan, a varios metros de altura. Dende a cima da ponte podes observar á mocidade do pobo desfrutando do sol do verán, que cae aló case tan forte como en Ourense, e das augas limpas. Os minutos rolan coa corrente mais non importa, o bo tempo pode durar aquí un intre, como a tristura.

This slideshow requires JavaScript.


Navia de Suarna non é só unha poboación clave para comprende-la Historia do interior galego senón tamén unha privilexiada encrucillada de camiños que leva cara outros lugares soterrados nas fragas e nos regatos, nas terras afundidas e as sombras do verán que morre. A torre de Doncos, Pedrafita do Cebreiro ou o Castro da Torre aínda agardan por nós…

Advertisements