Pazo do Tambre: Arrecendo portugués a carón da ría

Ás veces é preciso parar un anaco, dar un paso atrás e observa-la perspectiva das cousas para velas na súa xusta medida.  Durante este tempo en branco no blog seguín viaxando, ós poucos, e penso que agora hai tempo para volver compartir con vós lugares á beira das estradas, afundidos nas montañas ou bicados polo mar. O Pazo do Tambre é un deses recantos agochados tras dun muro de pedra nun espazo privilexiado: xusto a carón da desembocadura do rio do que toma o nome, ó fondo da ría de Noia.
Aló álzase esta casa señorial que sorprende pola súa arquitectura, que non cumpre ningunha das normas para ser considerada un “pazo galego” nos seus estritos términos.  Os xardíns, os lagos… semellan ter unha inspiración máis inglesa que propia da terra. É difícil atopar información sobre as orixes deste edificio, pero o pouco que hai axuda a resolver este pequeno misterio: a casa foi realizada en 1898 por unha familia nobre portuguesa. Ó comparala con outras ‘casas antigas’ do norte do país veciño obsérvase con claridade a correspondencia. Casas encaladas, señoriais e sen matices defensivos arrodeados de xardíns exóticos.
Dos pazos galegos que teño visto ata agora, só o de Oca podería achegarse á impresionante estampa que ofrece o de Tambre: dous lagos con plantas acuáticas (un deles cunha pequena illa no interior), un embarcadoiro con acceso á ría, cabaleirizas, enormes corredoiras baixo parras… Podes pasar unha tarde enteira polos arredores e non será unha tarde desaproveitada.
¿A maior tentación para alguén coma min, amante do século XIX? Sentar nun dos bancos a carón do estanque grande e imaxina-la vida da señora da casa, muller dunha caste que comezaba a perde-la súa forza, pero que aínda podía permitirse un derradeiro canto do cisne con forma de luxosa casa.

This slideshow requires JavaScript.


Os interiores dos edificios non se poden visitar xa que, como acontece en boa parte destas construcións, foi rehabilitada como lugar de celebracións (no dia que fomos nós, había unha voda e o lugar estaba, se cadra, aínda máis elegante). Está preto do pobo de Ponte Nafonso, onde se atopa unha longa ponte da que falaremos a modiño noutro post. As nubes van e veñen no estraño verán deste ano pero aproveitádeo ben, porque como dixo don Quijote: “Ahora digo que el que lee mucho y anda mucho, ve mucho y sabe mucho”.

Advertisements