MILMANDA: A mistura que xera a espiritualidade

Os petos de ánimas agroman ós poucos polas estradas e camiños do norte peninsular. Só a provincia de Ourense conta cuns 200 deles, reflectindo unha vez máis o peso que o culto ó que acontece trala morte posúe na nosa comunidade. Tradicionalmente foron situados nas encrucilladas polo que tamén adoitan estar a carón de cruceiros ou incluso estar ‘fusionados’ con eles.

O mellor exemplo desta arquitectura espiritual galega atópase na pequena aldea de Milmanda, cun dos petos máis grandes dos que se coñecen en Galicia. Adosado ó muro exterior da vella reitoral da aldea de Santa Eufemia(Celanova), distribúese en dous corpos: no inferior hai tres fornecinas de medio punto onde están as imaxes de San Antonio co neno, a Piedade e San  Francisco ceibando ánimas do Purgatorio.
No corpo superior só hai un oco, no que figura Cristo crucificado e unha barra de ferro que servía de apoio para un candeleiro e axudar á iluminación do monumento. Este remata cunha cornixa sobre a que repousaban no seu momento pináculos piramidais con bolas (xa que falta ó da dereita) e unhas volutas interrompidas no centro para a ubicación da cruz.
A cada lado da figura do Cristo atópanse uns epígrafes pintados xa moi gastados pero que aínda ofrecen algo de información: o da esquerda pon “PINTO (…) 1866” e o da dereita “JOSÉ BENITO VÁZQUEZ”, (probablemente quen o mandou facer). As figuras realizadas en pedra conservan aínda restos desa policromía. O mais seguro é que o peto sexa anterior e que a data de 1866 corresponda a unha reparación da pintura.

This slideshow requires JavaScript.


As orixes destas construcións sitúanse dentro do ámbito da Contrarreforma (despois do Concilio de Trento de 1545 -1563 e cuxas resolucións non comezarían a aplicarse en Galicia ata case un século despois). Foi neste intre cando se potenciou de xeito definitivo a idea do Purgatorio, que levaba rondando polos escritos teolóxicos dende os comezos da cristiandade.
Esa idea dun lugar onde purga-los malos actos enraizou dun xeito ben fondo na mentalidade da nosa terra, seguramente mesturada coa relixiosidade popular de orixe pagá de culto ós mortos. Os homes de Igrexa eran entón un pouco mais asisados para os seus intereses e vendo que non podían loitar contra o inimigo (ese ‘salvaxe interior’ ó que tanto procuraron controlar con misións dende a Idade Media), procuraron converter esas devocións nun arma ó seu favor. Tal foi o éxito desta política, que os petos de ánimas seguiron realizándose ata ben entrado o século XX.
En canto ás imaxes que aparecen no interior dos petos, tamén é interesante observa-la evolución do culto dende San Francisco (que ofrecía o seu cinto ós condenados para a súa salvación), ata a Virxe (que comezou a gañarlle térreo dende finais do XVIII).
Sempre me pareceu intrigante o xeito no que a relixión cristiá foi conformándose a través de decisións de homes de carne e óso, adaptándose ás crenzas dos pobos cós que entraba en contacto ata formar unha mistura na que é moi difícil diferenciar entre esta e a superstición, as crenzas antigas. Ata tal punto que a xente esquece ou ignora que cousas ‘que son de toda a vida’, ó mellor forman parte dun Concilio do século VI, onde Xesús e os Apóstoles nada tiveron que ver…pero é a maxia diso que chaman fe e do paso do tempo que vai callando nas mentalidades humanas.

Advertisements