Santa Mariña (Esposende): descuberta ó final do día

“A ribeirana aldea de Esposende, solar de antergos pazos que pregoan a súa fidalguía, garda
como a millor alfaia daquela terra de benzón, unha fermosa eirexa adicada ao culto enxebre da
mártir ourensán Santa Mariña. Dista santa, hoxe un tanto esquencida, como todal-as cousas galegas,
e que aló no medioevo era invocada pol-os cabaleiros que ían facer guerra de mouros (…)”
Xosé Ramón e Fernández Oxea

-¿Marchamos para casa ou tentamos atopar outro sitio? – di meu pai mentres observa o mapa.
-Esposende semella estar preto e neste libro di que tamén ten elementos románicos – observo – pero hai dous Esposendes no mesmo sitio…
Collemos un desvío da estrada xeral e entramos nunha pequena comarcal arrodeada de árbores ata chegar a un cruce no que dubidamos por onde seguir. “Continua un anaco por aquí e a ver onde imos dar”. Xusto a uns metros, despois dunha curva topámonos co cartel que indica que estamos en Esposende…pero a cuestión é que non vemos ningunha igrexa, só un par de pazos de considerable tamaño. Unhas señoras obsérvannos dende o balcón dunha casa con curiosidade.
-Estamos a busca-la igrexa do pobo, ¿poderíanos indicar por onde está?
-É que eiquí temos tres- di a máis nova con certa retranca.
-Ehhh, buscámo-la máis vella, románica…
-Pois andando dende eiquí quédalles moi lonxe, está pola outra estrada – e nese intre volvemos maldici-las poucas facilidades que da este país para atopa-las cousas – ¡Pero alí non hai ninguén!
Volvemos atrás nos nosos pasos e pasamos por diante da primeira igrexa (probablemente do XVIII, sen ningunha beleza especial por fóra) ata avista-la espadana dunha segunda. “¡Santa Mariña, aquí é!”.
A luz esmorece e o pobo é cuspidiño ó das películas de terror: baleiro e con gatos e cans por todas partes, namentres un veciño obsérvanos con estrañeza. E o atravesa-la reixa do adro a sorpresa: unha pequena e moi ben conservada xoia, cunhas fermosas figuras nos canicelos. A maior parte deles son personaxes que tocan instrumentos da época: un anxo cunha trompeta, un rapaz cun dolio, un gaiteiro, e animais tamén con ese instrumento. Varios deles están totalmente destruídos, ó que chama a atención ó ve-la boa factura que teñen os demais.
-Din que os esborrallaron por seren ‘inmorais’ – o home que nos recibiu cunha ollada escrutadora atópase agora ó noso carón, cunha expresión máis amable e non deixa de darnos detalles da igrexa – É unha das máis bonitas da zona, e temos dentro unha virxe de pedra moi famosa.
Aproveito como podo a luz amarela da posta do sol, perfecta para fotografar estatuas e procuro poñer en práctica os meus coñecementos de letra gótica na inscrición da parede exterior pero só consigo dilucidar algunhas verbas (nomes e data da súa creación). O veciño, contento de que alguén lle preste atención ó templo, invítanos á festa da patroa en xullo.
Ó chegar a casa matino en que me parece imposible que non haxa algún tipo de estudo sobre a calidade artística do edificio que rematamos de ver e investigo un pouco ata atopar un vello artigo na biblioteca da facultade. ¡Cal foi a miña sorpresa ó comprobar que era do insigne ourensán Xosé Ramón e Fernández Oxea, máis coñecido como Ben-Cho-Shey!
Nel confirma as palabras do veciño do pobo, pois fala de que “non faltan algunha que outra figura obscena”. Polo tanto, nos anos 30, cando se realizou o escrito, aínda estaban en boas condicións e sorprende máis que unha persoa do século XX destruíse un patrimonio así por iso, pero xente sen sentidiño hainas en calquer época…
Describe con multitude de detalles o interior do lugar, facendo referencia á existencia de pinturas murais debaixo do encalado e un artesoado de inspiración mourisca. Fala dunha capela gótica con estatuas de grande calidade, así que haberá que volver con máis tempo para comprobar este punto.

This slideshow requires JavaScript.


Ben-Cho-Shey fai referencia tamén ós fundadores desta parte da igrexa, o fidalgo Gómez e a súa muller Xohana Gonzálves de Deza, en 1510, como se reflicte na inscrición que antes sinalábamos e que di así:

ERA DE MYL E QUYNE(NT)OS E DEZ ANOS….GOMEZ….FIDALGO E SUA
MULLER IOANA CO(N)ÇALVEZ DE DECA VEZINOS DESPOSENDE
FEZIO ESTA CAPILLA A O(N)RA E REVERENCIA DE NOSSA SENORA
VGE MARIA POR SUAS CUITAS….REINA(N)TE EL YLUSTRE RREY DON
FERNANDO SEÑOR DESTA TIERA DON….LOPEZ XARMEN(T)O CONDE
DE RIV(AD)AVIA ROGADE A DEUS POR ELLOS….

Non puido copia-lo texto con toda a tranquilidade que lle gustaría xa que tanto el como Risco e ‘Xocas’ (que o acompañaron na viaxe e fixeron os debuxos que acompañan o artigo) foron acosados pola “aititude violenta e ameazadora, en que se presentaron no adro da eirexa un grupo de veciños que daban ouvidos as pantasías dunha americana chamada Avelina Reinaldo Diéguez, a que decía que nós íamos buscar un tesouro escondido trás do altar. ¡De ben pouco lle sirve a certas xentes o iren a América!”. En definitiva e grazas a este autor, non só puiden lembra-la labor dos intelectuais galegos que viviron antes de Guerra Civil (e preguntarme qué tería sido da nosa cultura se tantos homes e mulleres non foran desterrados entón por culpa da súa ideoloxía) senón tamén observa-lo pouco que coñecemos do mundo que nos arrodea. Esta pequena igrexa, hoxe esquecida do interese das autoridades e dos investigadores, érguese coa súa fermosura sobre un val no que reinan as viñas. Gárdao dende hai mil anos, e se hai sorte, os seus canicelos seguirán abraiando ós visitantes un pouco máis…

Advertisements