Bon Xesús de Trandeiras: Do Gótico ó Renacemento

Hai momentos para desfrutar do caos que produce o ser humano cando decide xuntarse: as romarías,  festas medievais ou o Entroido non serían o mesmo sen ese balbordo atolado. Aínda así hei de recoñecer que non me gustan as multitudes e que desfruto dun lugar novo cando podo observalo coa tranquilidade que ofrecen os espazos solitarios. O mosteiro de Bon Xesús de Trandeiras ofrece todo iso e máis: unha arquitectura ecléctica, ruínas que desafían á imaxinación e unha paisaxe enxebre ó seu arredor.
Visiteino por primeira vez en 2003 e alí fixen as miñas primeiras fotografías con cámara dixital. Foron poucas, pero interesantes para poder observar agora o cambio acontecido: naquel intre o recinto estaba comesto polas herbas, enleadas con furia entre a pedra. Era como entrar nun templo maia da selva de mesoamérica e por unha parte sentíaste como un explorador, como se foses a primeira persoa en por un pé alí en centos de años pero por outra, pensabas en cómo era posible tal grado de abandono. A situación foi ben distinta o sábado: as herbas foron cortadas por completo e os arredores amosaban por fin a beleza das construcións que a maleza escurecera.
Bon Xesús de Trandeiras amosa a mestura de estilos que se produciu no campo artístico dende a Idade Media á Moderna: foi fundado en 1520 e posúe tanto elementos tardo-góticos como decoracións do primeiro renacemento. Pero a todo isto hai que engadi-la mestura xeográfica dunha zona preto da Raia portuguesa: a mesma orixe do mosteiro remite a uns cabaleiros do reino veciño e o estilo “manuelino” comparte protagonismo co “isabelino” castelán.


Na arquitectura galega predominan os edificios de carácter medieval e barroco o que convirte este edificio non só nunha mostra dun período de transición da Historia da Arte senón unha mostra duns estilos que non se poden atopar con frecuencia na nosa terra. O claustro é un bo exemplo: un conxunto de arcos conopiais rebaixados baixo os que se atopan uns capiteis sinxelos (vexetais e animais, que aínda que non son tan espectaculares como os románicos non deixan de ser destacables). Dende a única escaleira que se conservou do mosteiro e que levaba ó segundo piso, pódese ve-la Torre de A Pena a través dunha fiestra.
Arcos carpaneis dan paso a outras estancias da parte baixa do edificio pero o segundo espazo máis fermoso deste lugar son os seus arredores: a ‘mina’ de auga principal do mosteiro está a carón dunha fonte que conserva o seu acanalamento do XVI e que sigue ata bater nunha parede de rocha de onde xorde a auga ós poucos. Recoméndovos que sentedes nun dos bancos que hai alí ou mellor, que vos tiredes sobre a herba e escoitedes: o rousío das árbores e o son dos regatos, complementado coa forma que estes bosques de carballos adquiren no outono e as voces de nenos que chegan dende o lonxe.
Se tedes tempo, non vos esquezades de visita-la torre que se divisa dende o miradoiro, a só uns tres quilómetros (seguindo a estrada pola que se chega a Trandeiras) ata alcanzar o pobo de A Pena. Pero a ela xa lle adicaremos outro post máis concreto.

This slideshow requires JavaScript.


Observando os cambios no edificio e namentres matinaba no ben gastados que están os cartos ás veces, cando unha comunidade se move e un concello quere mante-lo seu patrimonio xurdiu un grupo de rapaces con varias bolsas para facer botellón (ás seis da tarde…). Foron ata unha caseta a carón do mosteiro e intentaron tira-la porta pechada a patadas. As miradas inquisitoriais dos que andabamos por alí non serviron de nada pero marcharon ó pasar un anaco. Logo, un do mesmo grupo colleu o coche e comezou a facer trompos arredor dun cruceiro antigo, a piques de bater contra el. Entón matinei en que, quizais, os cartos deberían gastarse nunha educación un pouco máis seria…

P.D.- Para chegares ata Bon Xesús de Trandeiras só tedes que colle-la estrada de Ourense en dirección Xinzo de Limia e logo toma-la desviación a Villar de Barrio. Por entre o pobo de Trandeiras xa hai un cartel que sinala a estrada que leva xusto á entrada da Igrexa.

Advertisements