San Cibrán de Lás: A xoia aínda soterrada

Nos últimos post fixemos un breve percorrido pola arquitectura relixiosa galega e introducimos acontecementos e construcións que revelaban unha Idade Media conflitiva. Pero neste tipo de viaxes é imposible non facer referencia á xoia da cultura galega: o mundo castrexo. Pervive na nosa  xeografía non só física senón tamén social e mítica, como unha realidade tanxible e ó mesmo tempo lendaria. Os seus restos arqueolóxicos poden aparecer claros ante nós ou agocharse na frouma e na terra que aínda os acubilla.
E non hai mellor xeito para falarvos deste mundo que a través dun dos xacementos máis impresionantes: o castro de San Cibrán de Lás (situado a 18 km da cidade de Ourense, entre os concellos de San Amaro e Punxín). O ano pasado fixen un traballo sobre este conxunto, reunindo todo o material publicado sobre el dende os anos 20 e foi como ler unha novela: un misterio, obstáculos constantes, un abandono e o redescubrimento final.

Na ‘Cidade’ (nome que recibiu o lugar dende o século XIX) traballaron homes da Xeración Nós como Cuevillas e Risco, e logo outros intelectuais como Xaquín Lorenzo ‘Xocas’ e Chamoso Lamas. Os anos 20 foron os comezos arqueolóxicos, interrompidos (como case todo naquela época) pola Guerra Civil e non se volveu a ollada cara San Cibrán ata os anos 50. Dende os 60 sufriu un grave proceso de deterioro (incluso algunhas pedras do conxunto foron empregadas para realiza-la estrada que está ó seu carón) que comezou a solucionarse nos 80, con novas prospeccións máis rigorosas.
Na actualidade, o primeiro que sorprende ó visitante é a súa monumentalidade: reflíctese nos seus fortes e variados dispositivos de protección e delimitación pero tamén na súa superficie, que sobrepasa a estimada para algunhas cidades romanas como Brácara Augusta. É un dos mellores exemplos europeos da etapa final da cultura castrexa, aínda que as orixes de San Cibrán remóntanse ó IX a. C.


As casas aínda gardan fragmentos do traballo do ferro no chan e os buracos para o movemento das portas. Pódense percorre-las murallas gracias ós chanzos que levan á parte superior e dende elas obsérvase mellor a estrutura da poboación, como as rúas (cun empedrado moi traballado) e os alxibes que facilitaban auga para os habitantes. O 80% do xacemento está aínda sen escavar (a falta de cartos, o gran mal da investigación deste país…) pero moi preto as Xuntas sucesivas construíron unha mole desas tan de moda para “a interpretación da cultura castrexa”. ¿Conclusión? Máis de 5 anos de obras, atrasos constantes na inauguración e un interior totalmente baleiro e sen sentidiño.

Pero o castro segue aí, visitado polos poucos turistas que se achegan ata Ourense e reciben boas indicacións. Recoméndovos ir un día de calor, a partires de maio por exemplo e sentarvos baixo a sombra dalgunha das árbores do recinto mentres escoitades o silencio: o tempo pasa e debaixo de vós, dous mil anos de Historia…

Advertisements