Torre de A Forxa: sobrevivindo á Historia

A arquitectura histórica galega está esparexida por recantos nos que bule a vida de cidades e vilas en expansión pero tamén agroma en pequenas poboacións que perden habitantes ano a ano, mentres os máis vellos do lugar son testemuñas de como esmorece non só un espazo senón tamén a memoria a el vinculada. Nestas viaxes sempre atopo algún lugar, deses que case non aparecen nos mapas, que me abraia pola beleza do que atopo nel.
É o que me aconteceu na aldea de Forxa, no concello de Porqueira (Ourense) ó ve-la perfecta torre que coroa unha elevación preto das casas. Entón lembro que estes lugares hai que observalos cun ollo histórico: hai que deixar voa-la imaxinación ata o século da súa creación, lembra-lo contexto político-social e entón todo cobra forma.

Hai que enche-lo baleiro actual co resto da fortaleza, e conectala coas outras tres (En A Pena, Sandiás e Celme) que foron construídas nos séculos XI-XII ante a posibilidade dun ataque por parte de Afonso Henríques, herdeiro do condado de Portugal, á procura da súa independencia. Os avatares desta torre lévannos á guerra de sucesión entre Pedro I e Enrique de Trastámara en 1387, coa súa conexión inglesa, pois foi ocupada por pouco tempo polo duque de Lancaster. E aínda que máis ou menos coñezo os seus motivos [a familia é a familia, :)], miro arredor e digo para min cun sorriso “¿qué facías aquí John?”. Os Irmandiños tamén deixaron aquí a súa pegada.

Pero non só hai que ver este vestixio case intacto dunha convulsa Idade Media: se andades por aquí, achegádevos ó pobo. Con pouco máis de cen habitantes, no 2009 (cando visitei o lugar) estaban a realizar un traballo de restauración de varias casas, así como a praza principal onde se atopaban os cabaceiros da aldea. Uns mozos entrevistaban a unha muller para (supoño), un documental mentres as demais observaban con curiosidade dende os bancos. No cemiterio está a igrexa parroquial, como moitas da zona da época barroca e unha fermosa entrada. Á saída da aldea e dando paso á estrada atópase unha ponte sobre o río Fírveda que pecha (ou abre) un entorno cunha atmosfera que respira tranquilidade.

No ano en que visitei a torre, estaba en bo estado no seu exterior (incluso se conservaban vestixios da muralla baixo a plataforma na que se alza) pero as fiestras, con vidros escachados, reflectían un certo aire de abandono. Semella que é de propiedade particular e que nalgunha ocasión puxo a torre en venda como canteira de sillares. Así é Galicia, sempre sorprendente…

Advertisements