Ferreira de Pantón: O Bestiario de pedra toma forma

Chegar a Ferreira de Pantón é achegarse a un deses poucos casos nos que entras en contacto cun espazo que reflicte paseniñamente o paso dos milenios, gardando o equilibrio mais aló dos cambios do resto do entorno. Situado á saída da vila, os muros que dan a benvida ó visitante foron restaurados con mimo, integrándose nun mosteiro do que se teñen as súas primeiras novas documentais en 1108 (momentos nos que probablemente a comunidade aínda era dúplice).
Durante un tempo estivo baleiro, quedando en poder dos seus padroeiros laicos, responsables de reinstaurar nel a vida monástica. Esta situación revela dun xeito único en Galicia o poder que estes personaxes mantiveron en certos lugares, o que se une á circunstancia de que os padroeiros (mentres se mantivo esa figura) foron sempre mulleres, pasando como herdanza entres as da mesma familia.

Unha vez superado o muro de entrada, á esquerda atópase o templo románico e á dereita o edificio que acolle á comunidade de monxas, realizado no XVIII. Só se pode observa-lo patio interior a través dun cristal, xa que é unha orde de clausura pero aínda así é posible aprecia-la súa beleza tranquila. Estes lugares adoitan ter un pequeno espazo onde venden produtos realizados polos monxes ou monxas e sempre é unha boa idea facerse cun pouco de todo. Na última visita, non nos resistimos ás galletas e ó mel ¡e recoméndovos que non marchedes sen probar algún dos dous!.


Pero a verdadeira xoia de Ferreira está libre de pechaduras, ó ar, seguindo co seu obxectivo de sorprender ós espectadores: é o seu bestiario en pedra, un dos mais fermosos e variados de Galicia. Os capiteis das columnas da cabeceira amosan paxaros, porcos, lobos, músicos, años e serpes. O real e o imaxinario mesturado en imaxes que contaban unha historia que, na súa maioría, quedou perdida co paso do tempo.
Entrar no pequeno templo ten efectos diferentes dependendo de cadaquén. Os cantos das monxas durante a misa, detrás das altas barras de ferro que as separan da realidade mundana, poden invitar á reflexión máis íntima ou levarte a imaxina-la intención dos homes que crearon eses capiteis con vida propia. A vida e a morte, a fecundidade, a luxuria, a valentía e os medos toman forma na pedra e segue traspasando a quen as presencia no século XXI.


Santa María de Ferreira de Pantón foi a única casa cisterciense feminina durante a Idade Moderna e sobrevivíu á reforma observante e á desamortización do XIX. A comunidade actual é así herdeira directa da do século XII, e non deixa de sorprender que o seu fermoso templo románico leve dende entón acollendo a vida apartada desas mulleres.

Advertisements