As soidades do verán: San Fiz de Cangas

O verán galego adoita encher as vilas de vida, coa volta de todos aqueles que regresan das grandes cidades ós puntos de orixe. Pero esta situación non se percibe en certas zonas do interior, nas que a tranquilidade permanece aínda neses dias de descanso e visitas. Gústanme eses espazos, afastados do balbordo da xente, que podes observar e analizar con calma todo o tempo que queiras.
É a abadesa de Cangas, dona Visclavara, quen nos aporta a primeira testemuña deste mosteiro feminino en 1108. Vinculado ó de Ferreira de Pantón (a escasos quilómetros deste), deixou poucas novas documentais e tamén físicas: na actualidade só se conserva a súa Igrexa. Del destaca ante todo a súa portada, que se sae do común dentro do campo do románico ó presentar uns trazos moi primitivos (a través de debuxos xeométricos).


Os capiteis das fiestras, florais ou zoomorfos varían na súa calidade: a maioría deles perderon a forma co paso do tempo, sendo imposible recoñece-la figura orixinal (aínda que tamén potencia a imaxinación do espectador do século XXI). Outros (como o que podedes ver a continuación, representando unhas piñas) semellan recén elaborados.


Se vos achegades ó lugar, non debedes esquecer camiñar un pouco pola estrada que remata nun campo da festa, no que se atopa unha reprodución dun calvario do século XIV que se atopaba orixinalmente aquí pero que foi trasladado ó Museo de Arte Sacro das Nais Clarisas, en Monforte de Lemos. A verdade é que esta copia sorprendeume pola súa calidade e expresividade, a atención os detalles.


Seguindo pola estrada cara a dereita do calvario vólvese deseguido á estrada principal, dende a que se pode observar un pombeiro nunhas condicións bastante aceptables. Cando visitas un par de mosteiros, aprendes a ler certos elementos que non adoitan faltar ó seu carón, e o pombeiro é un deles. Este é certamente orixinal, ó estar situado enriba dun gran penedo e ter na súa cúspide un reloxo de sol.


A soidade do emprazamento só se rompe coas voces dalgúns veciños que se escoita ó lonxe e que nunca chegamos a ver. Aínda que está preto da estrada xeral, semella un conxunto apartado do espazo e do tempo, pousado nun silencio  que engaiola.
Despois de San Fiz, se tedes tempo, recoméndovos achegarvos ata Ferreira de Pantón. Pero por se non pode ser, adicarémoslle o seguinte post (e sufrirei moito para escoller unhas poucas imaxes entre todo o que ese mosteiro ofrece…)

Advertisements